A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos do Centro Comercial Aberto do O Barco de Valdeorras constituíuse o día 25 de marzo do 2004 ao amparo dos dereitos de asociación e sindicación recoñecidos na Constitución Española, promovida pola Asociación Empresarial de Valdeorras, co obxectivo de contribuír a mellorar e dinamizar o actual sistema comercial tradicional do municipio do Barco de Valdeorras.

Trátase de promover a revitalización do espazo comercial e conxuga a oferta de comercio, turismo e ocio, como unha nova fórmula de xestión comercial, que funciona con éxito noutras cidades e vilas de características semellantes.

obarcocentrocomercialaberto conta co apoio do Concello do Barco, en materia de urbanismo comercial (mobiliario urbano, sinalización, iluminación, aparcadoiros, etc.). Ademáis, colaboran no proxecto outras institucións como a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a Deputación Provincial de Ourense, a Fundación Comarcal Valdeorras, a Cámara Oficial de Comercio e Industria de Ourense e Caixanova.

O órgano de goberno provisional da Asociación Centro Comercial Aberto O Barco é a Xunta Xestora. Tamén se constituíu unha Comisión Xestora Mixta, na que están integrados o Concello de O Barco, a Asociación Empresarial de Valdeorras e a Fundación Comarcal de Valdeorras, para velar polo desenvolvemento da actividade empresarial no Centro Comercial Aberto.